A Asociación Cultural Folclórica Tromentelo, inaugura o vindeiro 16 de setembro a Exposición OFICIOS E LABORES” MÚSICA E BAILE. Que fai un percorrido polos oficios tradicionais e a súa relación coa música e o baile.
Na inauguración, que será a partir das 20:30 horas, participarán os Pandereteiros e Pandereteiras de “O Piadeiro”, que nos amosarán cantigas de taberna, de canteiros, de redeiras,...; Concha de Luneda coas Cantigas de Fiada e Carlos do Viso con Cantigas de Cego.
Na exposición poderán verse numerosos apeiros antigos de labranza, material de canteiros e serranchís, como eran as tabernas e as cociñas, o labor das costureiras, dos cesteiros que percorrían as aldeas e as redeiras que vivían nos portos pesqueiros....
Coñeceremos as verbas propias de cada gremio, que lles servían para entenderse entre eles, e a evolución que sufriron o longo de todos estes anos, transformándose uns e desaparecendo outros.
Haberá tamén unha colección de fotos antigas cedida pola A.C. A Cepa, de xente facendo un oficio.
Os traxes das danzas de darbo, Aldán e Hío, tamén estarán presentes, xa que son danzas gremiais, é dicir, antigamente eran bailadas por xente pertencente a un gremio.
O día da inauguración haberá un Obradoiro de Cestería para nenos a partir das 19:00 horas no Auditorio Municipal.
Paralelamente a esta Exposición, organízanse cursos de Iniciación e Perfeccionamento para nenos e adultos, que comenzarán o Luns 12 de setembro e se impartirán no Local da Asociación en Coiro. Tlfno de inscripción: 663656896
Os Cursos de Iniciación son impartidos polos mestres da Asociación e son gratuítos.
Gaita – Tambor – Canto e pandeireta e Baile.
Os cursos de Pefeccionamento son impartidos por mestres de recoñecido prestixio dentro da música tradicional, polo que teñen un pequeño custo.
Perfeccionamento de Gaita impartido por Iván Costa (4 horas)
Perfeccionamento de Tambor e Bombo impartido por Chuco Estévez . (3 horas)
Perfeccionamento de Canto impartido por Carlos Alvarez (1h 1⁄2).
Perfeccionamento de Percusión Pequena (tarrañoslas, cunchas, culleres,...) impartido por Chuco Estévez (3 horas).
Perfeccionamento de Pandeira e Pandeiro impartido por Carlos Alvarez (2 horas).
Perfeccionamento de Baile impartido por Xandre (1h 1⁄2).
Perfeccionamento de Agarrados(Baile), impartido por Manolo Cobas (1h 1⁄2).
Ademáis haberá un Curso de Pasamanería impartido por María Vázquez (6 horas) e un Curso de Cestería impartido por Alicia (3 horas).
O venres 23, a partir das 21:30 h haberá unha Charla sobre os Muíños a cargo de Manolo Boubeta e Charla con proxeccións e grabacións sobre “as añas” a cargo de Xandre.
E o sábado 24, como peche da Exposición, a partir das 19:30 horas, Xosé Vázquez Pintor, nos ofrecerá unha Charla sobre “Os oficios”.
Estes cursos son a antesala do inicio no mes de outubro da Escola de Gaitas e Percusión Tromentelo que un ano máis seguirá impartindo as súas clases ós nenos e nenas, así como os adultos que queiran achegarse e coñecer a nosa música tradicional.